Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta destaca o labor dos secretarios, interventores e tersoureiros municipais como garantía dos servizos públicos


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse co Consello Xeral de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración Local (COSITAL), nun encontro no que destacou o importante labor destes profesionais “como garantía dos servizos públicos”.

Rueda estivo acompañado do director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago. Ambos quixeron contar coa colaboración e a opinión de COSITAL no que atinxe á nova normativa, estatal e autonómica, que afecta ao eido da Administración Local en Galicia. Tamén se abordaron asuntos como as certificacións e informes solicitados aos habilitados pola Comunidade Autónoma nas distintas ordes de subvencións, a publicidade das comisións de servizos ou o nomeamento de interinos.

Respecto a este último punto, Pazos Couñago e Rueda presentáronlle á asociación a proposta da dirección xeral de Administración Local para crear unha lista de interinos que poida resolver no posible a problemática actual de cobertura de vacantes nos distintos postos reservados.

Colaboración con COSITAL
A comezos de ano a Xunta asinou dous convenios de colaboración cos colexios de secretarios, interventores e tesoureiros da Coruña e Pontevedra, aos que lle achegou máis de 12.000 euros para contribuír a financiar os seus gastos de funcionamento.

Os membros de COSITAL teñen entre as súas funcións o asesoramento legal preceptivo, o control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, a contabilidade, tesourería e recadacións dos concellos e corporacións locais.